Cores Tourís interésase polas obras de mellora do subministro eléctrico realizadas por Sestelo.

Noticias

José Manuel Cores Tourís visita Central Eléctrica Sestelo

Cores Tourís interésase polas obras de mellora do subministro eléctrico realizadas por Sestelo.

comarcasnarede.com.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, foi invitado pola firma Central Eléctrica Sestelo y Compañía para coñecer as obras desenvolvidas dentro do plan de investimento da firma na comarca do Condado e A Paradanta.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta analizou con Adolfo Álvarez e Edgar Mosquera, representantes da empresa Sestelo, o compromiso inversor desta empresa na mellora da calidade de subministro no ámbito rural, acompañado polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. José Manuel Cores Tourís recalcou o apoio da Xunta de Galicia aos investimentos que melloran o subministro eléctrico no rural, recordando que a Xunta aposta por servizos que permitan o desenvolvemento de actividades produtivas.

Recordou o delegado territorial que grazas a investimentos como os que está a desenvolver esta firma, o rural galego pode conseguir unha importante mellora na calidade e garantía do subministro eléctrico, e matizou “dende a administración autónoma apostamos por este tipo de empresas, como Central Eléctrica Sestelo, que colaboran en potenciar o subministro eléctrico nas parroquias. Sen investimentos como o que leva a cabo esta empresa non é posible manter o servizo no rural en perfectas condicións xa que estamos a falar de núcleos de poboación reducida”.

No ano 2018, Sestelo executou 12 proxectos en parroquias do rural desta comarca pontevedresa, 7 deles en Ponteareas, 3 en Mondariz e 2 en Covelo. Entre os proxectos realizados o ano pasado atópase a liña de media tensión de Lafox e as redes de baixa tensión de Costa Sequeiros, Arco Iglesia, Berdella e A Rocha, así como os CTC de Alemparte e Areas Iglesia en Ponteareas.

En Mondariz, investiuse na rede de baixa tensión de Cambra Frades, Sesteiro e Toutón fase II. Finalmente, no Covelo, actuouse na rede de baixa tensión de Maceira Camping e Camposancos. En total, o investimento realizado por esta firma superou nesta comarca o 1,1 millón de euros no último ano.

Central Eléctrica Sestelo executa obras de instalación de novos centros de transformación en zonas nas que os que veñen prestando servizo se atopan lonxe dos consumos, o que orixina que, en certos momentos se atopen ao límite dos niveis permitidos de caída de tensión, e que se ven comprometidos polos crecementos da demanda ou a conexión de novos subministros á rede. Tamén leva a cabo ampliacións de redes de baixa tensión e mellora de liñas de media tensión.